Quince anos de deporte e festa no monte marcan a nova Travesía do Xalo

ACoruñaXa
A proba abrirá unha edición especial o sábado 25 de abril en Culleredo, con inscricións xa dispoñibles para a carreira de 21 quilómetros, a volta do percorrido de 10 quilómetros, a andaina e as categorías infantís
CULLEREDO travesía do xalo
Fotografía de Aigi Boga
18 Mar 2026

A Travesía do Xalo xa quenta motores para celebrar en 2026 a súa décimo quinta edición, unha cifra que consolida esta cita como unha das propostas deportivas máis recoñecibles do calendario de trail e sendeirismo en Galicia. A asociación Castelo Deporte volverá poñer no centro da actividade o Monte Xalo cunha xornada que combinará competición, participación popular e unha programación paralela pensada para ampliar o ambiente festivo arredor da proba.

A edición deste ano disputarase o sábado 25 de abril, cun cambio de calendario que permitirá estender a celebración durante toda a fin de semana. A saída e a meta estarán situadas na contorna da polideportiva de Castelo, no lugar de Folgueira, que volverá funcionar como epicentro organizativo e punto de encontro para participantes, acompañantes e veciñanza.

As inscricións xa están abertas a través de internet e inclúen varias modalidades adaptadas a diferentes perfís. A proba principal será a carreira de 21 quilómetros, á que se suma a recuperación da carreira curta de 10 quilómetros, unha distancia que non formaba parte do programa desde 2022. A oferta complétase cunha andaina de 10 quilómetros e cun bloque de categorías infantís pensado para achegar a cita tamén aos máis novos. A carreira de 21 quilómetros arrancará ás 10.00 horas, mentres que a carreira de 10 quilómetros e a andaina sairán ás 10.30 horas. As probas infantís desenvolveranse a partir das 14.00 horas.

Coincidindo co aniversario, Castelo Deporte prepara ademais unha programación especial aberta a todos os públicos, con actividades culturais, concertos, exposicións e homenaxes ás persoas e entidades que foron formando parte da historia da Travesía do Xalo ao longo destes quince anos. O obxectivo é que a cita non sexa só unha competición deportiva, senón tamén unha gran celebración colectiva arredor do monte e da identidade local.

Desde a súa primeira edición en 2010, a Travesía do Xalo foi medrando ata converterse nun evento de referencia para a promoción do deporte no medio natural e para a posta en valor do Monte Xalo como espazo de encontro e convivencia. A organización contará nesta edición coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais de Castelo, do Concello de Culleredo e da Deputación da Coruña, ademais do apoio doutras entidades vinculadas á proba.

0.11788702011108