Quevedo reúne máis de 21.000 persoas na Coruña e logra o maior concerto indoor do ano en Galicia

As dúas datas de Quevedo no Coliseum da Coruña (venres 26 e sábado 27) sumarán máis de 21.000 asistentes, converténdose no maior evento musical baixo teito de 2025 en Galicia. Cada noite superará os 10.000 espectadores grazas ao escenario 360º, que permitirá ocupar a totalidade das localidades, incluído o anfiteatro e a metade do tendido baixo habitualmente pechados. Un formato que o recinto non vivía desde 1992, cando acolleu a xira de Frank Sinatra.
O artista canario chega coa xira 'Buenas Noches Tour', que esgotou entradas en grandes pavillóns de España e Latinoamérica, e que na Coruña conta co apoio do Concello e da Xunta a través da Axencia Turismo de Galicia, dentro do programa 'Concertos do Xacobeo'. Segundo a organización, o 70% do público procede de Galicia, un 20% chega de Asturias, Castela e León e Madrid, e arredor dun 3% vén de Portugal, consolidando A Coruña como polo musical do noroeste.
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, puxo en valor que a cidade acolle este ano 34 grandes eventos ao abeiro dos Concertos do Xacobeo,con oito citas aínda por celebrarse no último trimestre. Subliñou o impacto económico e de proxección exterior desta programación, que combina figuras internacionais e referentes estatais en distintos recintos da cidade.
As entradas para o venres 26 están esgotadas desde hai meses, mentres que para o sábado 27 aínda quedan os últimos billetes. Co dobre cheo técnico e a montaxe envolvente, Quevedo consolida na Coruña o salto de 'Buenas Noches' aos grandes formatos de directo e sitúa o Coliseum no mapa dos espectáculos masivos de 2025.