Que facer esta fin de semana do 19 ao 21 de xullo na Coruña e arredores?
Esta fin de semana do 19 ao 21 de xullo, a oferta cultural na comarca da Coruña vén cargada de festas e concertos. Muros, Miño, Cambre, Fisterra e a cidade da Coruña atópanse entre a nosa selección de eventos imprescindibles nestas tres datas.
Comezamos polo Festival das Carrilanas en Esteiro en Muros, que terá lugar do 19 ao 21 de xullo. Este ano conta no seu cartel con Tanxugueiras, Sidecars, The Rapants, Mondra, Xabier Díaz & Albufeira de Salitre, Monoulious Dop, Capital Voskov, Lontreira e Galician Army. Haberá tres escenarios para os concertos, tanto de día como de noite, e ademais actividades infantís como contacontos, xogos populares, obradoiros e un mercado de artesanía na Alameda de Esteiro.
No Concello de Miño, terán lugar na parroquia de Callobre as festas patronais en honra da Virxe do Carme. Dende o venres 19 ata o domingo 21, o campo da festa acollerá a celebración que contará coa actuación da Orquestra Saudade, o Dúo Dilema, o Grupo Zona Cero e o DJ Sebas. Tamén estará presente o Dúo Maracuyá, haberá sesión vermú, festa infantil e bombas de palenque.
En Cambre, celébrase a sétima edición da festa da Galaicoi. Trátase dun evento que crece ano tras ano en número de adeptos e que este ano terá lugar os días 19, 20 e 21 de xullo. Durante a "romanización" (arredor do cambio de era), Cambre non só foi lugar de paso dos romanos, senón tamén lugar de residencia e convivencia cos pobos celtas que vivían nos castros, convivencia que acabou coa total aculturación destes pobos indíxenas. Os Kalaikoi eran guerreiros aborixes famosos pola súa ferocidade nas guerras contra os romanos: de aí o nome da romaría galaico-romana.
Neste sentido, no centro de Cambre consérvase unha importante pegada dos principais horizontes culturais desta historia: o Castro de Castromaior, a vila romana, o Campo da Feira e, como colofón, os restos do mosteiro beneditino de Santa María. A romaría galaico-romana Galaicoi pretende ser un evento que reúna a persoas de todas as idades, onde a caracterización e recreación sexan un dos maiores atractivos. Sen dúbida, unha cita ideal para desfrutar de música tradicional en vivo e comida.
Doutra banda, os amantes da música rock están de sorte pois este sábado 20 de xullo celébrase o festival Arroutada Fest no pobo de Fisterra na Costa da Morte. Unha boa oportunidade para escoitar en directo a artistas como Arrhythmia, Grima, Calle del Ruido, The Skarnivals, Vértebras, C. Mirazo, Mr. Kamándula e Treintañeras Cañeras. Ademais, o venres haberá un evento de observación de estrelas no faro de Fisterra e no campo da igrexa haberá unha feira de artesanía, onde tamén se poderá degustar gastronomía local.
Por último, os seguidores do cantante Luís Miguel poderán desfrutar do paso do mexicano polo escenario do Peirao de Batería da cidade da Coruña como parte do ciclo de concertos Coruña Sounds. Así, o recital que dará na Coruña vén precedido dun dobrete no Santiago Bernabéu en Madrid, onde actuará o 6 e 7 de xullo, tras esgotarse as entradas en cuestión de horas.