Pulseiras identificativas para garantir a seguridade dos menores nas festas de Sada

Co obxectivo de reforzar a seguridade infantil durante as multitudinarias festas de Sada, a Cruz Vermella poñerá en marcha un servizo gratuíto de pulseiras identificativas para menores. A iniciativa desenvolverase na primeira noite das celebracións.
As familias interesadas poderán recoller as pulseiras nunha carpa instalada no acceso principal da praza Suárez Picallo, entre as 22.30 e a 1.30 horas. Nelas, será posible anotar datos de contacto para facilitar a localización das persoas responsables no caso de que algún menor se extravíe.
A organización lembra que este tipo de medidas preventivas contribúen a que a veciñanza e visitantes poidan gozar das festas cun plus de tranquilidade, garantindo que os máis pequenos estean sempre localizados en caso de necesidade.