PSOE de Arteixo esixe que se restableza urxentemente o alumeado na rúa Touriñana tras dous meses ás escuras

ACoruñaXa
Os socialistas alertan do risco para a veciñanza e piden aproveitar o solar do edificio derrubado para servizos ou cedelo ao IGVS para vivenda a prezos razoables
ARTEIXO iluminación rúa Touriñana
10 Oct 2025

O PSdeG-PSOE de Arteixo vén de trasladar a súa profunda preocupación pola situación que soportan as familias da rúa Touriñana, onde o alumeado público leva dous meses apagado tras o derrubo, a cargo do Concello, do edificio no que se detectaban actividades ilícitas.

Martín Seco, voceiro socialista no Concello, subliña que a falta de luz obriga aos veciños a chegar ás súas portas coa lanterna do móbil e expón un risco evitable para maiores, nenos e persoas con mobilidade reducida “A veciñanza desta rúa debe poder acceder ás súas vivendas con normalidade; esiximos unha solución urxente”, afirma Seco.

Os socialistas reclaman ao goberno local que repoña o alumeado no treito afectado e que, ademais, valore dar un uso público ao solar libre, dotándoo de servizos ao barrio do Petón, ou ben que o ceda ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) mediante un acordo para promover promocións de vivenda a prezos asumibles.

Seco lembra que este episodio súmase á crise máis ampla de acceso á vivenda no concello e reclama políticas activas que supoñan solucións reais para as familias que non poden facer fronte aos prezos actuais “A veciñanza de Arteixo sofre día tras día pola falta de solucións habitacionais”, engade o portavoz.

O Grupo Municipal Socialista pide ademais transparencia sobre o estado das obras no lugar e un calendario claro para a reposición do servizo eléctrico público, así como medidas de seguridade temporais ata que se execute unha solución definitiva.

⚙ Configurar cookies
0.070487976074219