Proxectos do grupo GII da Universidade da Coruña na vangarda da eólica mariña
O Grupo Integrado de Enxeñaría (GII) da Universidade da Coruña, está a desenvolver na actualizade diversos proxectos internacionais entre os que se atopan tres deles que impulsan a enerxía eólica mariña sostible, clave para o desenvolvemento dun futuro máis verde e competitivo.
O grupo está fundado no Campus Industrial de Ferrol e integrado en dous centros de investigación, o CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais) e o CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións). Conta con 25 anos de experiencia e un equipo de 43 profesionais, coordinado polo catedrático do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información Richard Duro.
OS PROXECTOS
Trátase dos proxectos AOWINDE, FLORES e SHOREWINNER, os cales contan cun orzamento total de máis de 7 millóns de euros. AOWINDE é un proxecto transfronteirizo que se desenvolve entre España e o Norte de Portugal, enmarcado no programa POCTEP Interreg. Este proxecto ten como obxectivo fomentar unha industria eólica mariña sostible, en liña co Plan Industrial do Pacto Verde Europeo e faino colaborando con universidades, centros tecnolóxicos e administracións públicas. Conta cun orzamento total de 1.414.080 euros e un prazo de execución que se estende desde 2023 ata 2025.
Por outra banda, o proxecto FLORES consiste nunha iniciativa de innovación docente que busca impulsar o Pacto polas Capacidades no sector das enerxías renovables mariñas, promovendo a formación continua en Europa. Desenvolve accións piloto rexionais coa industria e entidades educativas nas concas do Báltico, Mediterráneo e Atlántico. A través do programa Erasmus+, FLORES tamén analiza as necesidades de capacitación da industria, apostando pola educación como motor de innovación. Este proxecto, que conta cun orzamento de 877.668 euros, tamén se executará entre 2023 e 2025, e está coordinado polo CETMAR co apoio de investigadores do GII.
Finalmente, o proxecto SHOREWINNER, tamén enmarcado no programa Erasmus+, ten como obxectivo crear unha Comunidade de Prácticas (CoP) para a enerxía eólica mariña no sur de Europa. Este proxecto, que contará cun orzamento total de 4.975.531 euros e un prazo de execución de 2024 a 2028, busca establecer unha plataforma de aprendizaxe en liña que promova a formación e educación profesional de excelencia no sector.