Proxección da web serie 'A arte de ser (mal) pai', candidata aos Premios Mestre Mateo na Coruña
A Sede da Coruña de Afundación acollerá o vindeiro sábado 16 de marzo, a partir das 20.00 horas, a proxección da web serie 'A arte de ser (mal) pai', candidata aos Premios Mestre Mateo deste ano. O acceso é de balde, pero é preciso reservar entrada na web da Ataquila e colaborar co programa 'Cultura por alimentos' mediante a doazón de alimentos non perecedoiros para persoas necesitadas.
'A arte de ser (mal) pai', escrita por Óscar Cruz, dirixida por Jorge Boquete e producida por Miraveo, é finalista na categoría que valora as mellores series dixitais de Galicia nos Premios Mestre Mateo, que se entregarán o sábado 23 de marzo no Coliseum da Coruña. Este recoñecemento súmase aos que a produción leva recolleitos nos últimos meses, entre os que destacan os premios a Mellor Serie V.O. en galego e o Premio do Público no Festival Carballo Interplay; e o gran premio do xurado como Mellor Piloto do Showcase no Festival Serielizados. Unha historia contada en tres episodios que tamén percorreu festivales internacionais en países como Chile ou Perú.
Trátase dunha comedia dramática que conta a historia dun pai na corentena, interpretado por Xosé M. Esperante, obrigado a despedirse da súa filla, a novísima actriz Jacoba de Llano. Durante os tres días nos que sucede a emocionante historia, os creadores ofrecen unha mirada profunda e conmovedora sobre os desafíos da paternidade e a complexidade do que significa ser adolescente neste mundo moderno.
O elenco de actores e actrices complétase con nomes tan relevantes coma os de Marita Martínez, Sabela Arán, Fede Pérez ou María Costas.