Progresa a mellora da seguridade viaria en Cambre coa construción das beirarrúas da Patiña

A Deputación da Coruña continúa coas obras de construción das novas beirarrúas da Patiña, en Cambre, un proxecto clave para mellorar a seguridade viaria da zona e que se prevé que estea finalizado no mes de maio.
Esta semana completouse a demolición dun edificio en ruínas que obstaculizaba a visibilidade nunha curva e obrigaba aos peóns a invadir a calzada, xa que ocupaba parte do espazo que agora será destinado ao tránsito peonil. Con este paso completado, os traballos avanzan na construción de novos tramos de senda peonil en ambas marxes da estrada provincial DP-1704, concretamente entre os puntos quilométricos 0+580 e 1+070.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, visitou a zona acompañado pola deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e por enxeñeiros do servizo. Durante a visita, destacou que este proxecto, cun investimento de 90.000 euros, “permitirá completar un itinerario peonil seguro, conectando coas beirarrúas que levan ao núcleo urbano de Cambre e coas sendas que van ao río Mero”.
As novas sendas contarán cun ancho de dous metros, agás en zonas onde as edificacións existentes condicionen a súa amplitude. O pavimento será de mestura bituminosa en quente, garantindo unha maior durabilidade e seguridade para os viandantes.
Ademais, para reforzar a seguridade da contorna, o proxecto inclúe melloras na sinalización viaria na zona de cruce coa estrada que conduce ao río Mero.