Primeira edición de O Burgo Fest en Culleredo, festival gratuíto de música electrónica o 26 de setembro

Culleredo prepárase para converterse nun punto de encontro para os afeccionados á música electrónica coa estrea de O Burgo Fest, un festival gratuíto que terá lugar o 26 de setembro no Paseo Marítimo de O Burgo. O alcalde, José Ramón Rioboo, presentou hoxe o evento xunto ao promotor Jonnathan Río, e avanzou que o obxectivo é consolidalo como cita anual no calendario cultural da comarca.
O cartel combina nomes consolidados e propostas en subida: tocarán Kike Varela, Nyan Bou, Dj Sonic, D, Bermúdez, Toni Seijas e M. Magan. A organización anuncia a apertura de portas ás 20.00 horas e unha oferta musical pensada para chegar a distintos públicos, con estilos que van do house e o techno ao urban, reguetón, trap latino e drum & bass.
Rioboo subliñou que O Burgo volve a apropiarse do espazo público para a cultura e destacou a vontade do Concello de apoiar iniciativas que acheguen programación gratuíta e diversa. «Queremos que Culleredo teña un festival de electrónica de referencia e que esta actividade vén para quedar», afirmou o rexedor, que agarda unha grande afluencia procedente de toda a comarca.
O promotor, Jonnathan Río, agradeceu a colaboración municipal e apuntou que a idea foi deseñada para ser inclusiva: «O festival nace coa vontade de achegar a cultura musical a todo o mundo, con entrada libre e unha programación pensada tanto para público xoven como para público xeral», explicou. A localización no paseo marítimo permitirá combinar música e lecer nun contorno aberto.