Prevista para a primavera unha rehabilitación integral da N-634 no tramo de Teixeiro

O Concello de Curtis informou de que recibiu resposta por escrito da Demarcación de Estradas do Estado á petición municipal para mellorar o firme da N-634 ao seu paso por Teixeiro. Segundo esa comunicación, estaría prevista unha actuación integral na primavera no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 664 e 677, mentres que, ata que o tempo permita executar a obra completa, continuarían os traballos de reparación e mantemento con aglomerado en frío.
A actualización chega despois de semanas de queixas polo estado da vía e de solicitudes públicas do Concello reclamando unha solución de fondo para un tramo que o goberno local cualificou de moi deteriorado, con impacto na seguridade e na circulación. Nos últimos meses, técnicos da Demarcación xa realizaron visitas e revisións sobre o terreo para elaborar informes coas melloras máis urxentes.