Preto de cen obras do artista Xavier Vilató poden verse ata o mes de febreiro no Quisco Alfonso

Este mércores, 3 de decembro, abre ao público a exposición ‘Xavier: Momentos naturais’, unha ampla mostra que recolle case cincuenta anos de traballo do artista Xavier Vilató, sobriño neto de Pablo Picasso e herdeiro dunha longa tradición artística que inclúe figuras como José Ruiz Blasco, Élie Lascaux ou Daniel-Henry Kahnweiler.
A mostra permanecerá aberta ata o 28 de febreiro no Quiosco Alfonso con entrada libre para todas as persoas interesadas. O propio Xavier Vilató estivo presente na presentación, que tivo lugar este martes pola tarde, e na que estivo acompañado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey.
A exposición reúne máis de cen obras creadas entre 1977 e 2025, que inclúen pintura, gravado, escultura e cerámica. Está organizada en nove bloques que representan diferentes “momentos creativos” do artista, ademais de dous gabinetes temáticos. Durante a súa intervención, Inés Rey afirmou que “acoller esta mostra de Xavier é moito máis ca unha exposición: é un diálogo entre pasado e presente, entre memoria e innovación”.
A rexedora destacou a pluralidade artística de Xavier Vilató, que traballa en diversas disciplinas como a pintura, a escultura, o gravado, a cerámica e o cinema. Segundo explicou, a natureza é o eixo central da exposición, que utiliza este tema non só como motivo, senón tamén como “linguaxe e espazo de reflexión”. Cada serie é un “momento” vital que invita á contemplación e á conexión emocional coa arte.
A mostra tamén é unha homenaxe á memoria familiar e á historia da arte, pechando un ciclo que une a cidade da Coruña coa saga Picasso, un vínculo que se reforza coa programación anual que organiza o Concello arredor do artista, tanto na Casa Museo como noutros espazos culturais municipais.
“A Coruña segue a ser terra fértil para a arte e para os soños. Esta mostra é unha invitación a contemplar, sentir e descubrir a beleza e a liberdade creativa”, destacou a alcaldesa.
A exposición poderá visitarse no Quiosco Alfonso en horario de luns a domingo, de 12:00 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas. Ademais, están programadas visitas guiadas para os sábados 20 e 27 de decembro e o 3 de xaneiro ás 12:00 horas, cun límite de 25 prazas por sesión. A reserva debe facerse de forma presencial no propio Quiosco Alfonso.