Preto de 450 quilos de champiñóns protagonizarán a XXXIV Festa do Champiñón de Ordes

Ordes prepárase para vivir unha nova edición da súa tradicional Festa do Champiñón, que arrinca venres e se estenderá ata o domingo. A localidade acollerá milleiros de persoas que poderán gozar dunha ampla programación que inclúe música, teatro, exposicións, artesanía, degustacións e moito máis.
O evento dará comezo este venres 25 de abril a partir das 21.30 horas na praza de Veracruz co espectáculo de lume Lenda das Meigas. Unha hora máis tarde, o pregoeiro David Amor marcará oficialmente o arranque da festa. A orquestra Olympus será a encargada de dar o toque musical nesta primeira xornada, que comezará ás 23.30 horas.
O sábado 26 de abril, a festa non dará tregua. A música comezará ás 10 da mañá cunha actuación de Embruxo Gaiteiros e a A.C. Leira. Pola súa banda, a exposición de maquinaria agrícola abrirá as súas portas no Campo da Feira, e a gran tractorada percorrerá as rúas do municipio a partir das 12 horas. Para completar a xornada, a feira de artesanía contará con máis de 20 postos e a charanga TNT ofrecerá dúas actuacións, ás 13.30 e ás 20.00 horas.
Os máis pequenos tamén teñen a súa cita no programa, cunha función de teatro chamada Máis saaabor! ás 18.30 horas na alameda. Unha comedia familiar que promete risas para toda a familia. Xa a partir das 22.30 horas, a música será protagonista, con concertos de Mekanica Rolling Band, Fillas de Cassandra e Heredeiros da Crus.
O domingo, o pasarrúas será o encargado de dar a benvida ao día, e a Banda de Música de Ordes ofrecerá un recital ás 13.00 horas. A xornada pecharase cunha gran festa musical coas actuacións de Los Satélites e París de Noia ás 18.00 horas.
Pero non todo será música. Unha das novidades desta edición chega da man da asociación de comerciantes Aecor, que, a través dunha app, permitirá que os asistentes puntúen as tapas e racións de champiñóns nos bares e restaurantes de Ordes. A tapa máis votada recibirá o I Trofeo Champiñón de Ouro 2025, e as persoas que participen no proceso entrarán no sorteo dun bono de 50 euros para gastar nos establecementos asociados.
Este ano, Aecor repartiu de xeito gratuíto preto de 450 quilos de champiñóns entre os negocios locais participantes, garantindo así que os asistentes poidan gozar das mellores receitas de champiñóns elaboradas en Ordes.
Ademais da súa destacada oferta gastronómica e cultural, a Festa do Champiñón tamén implica restricións no tráfico, polo que as persoas que se despracen á vila deben ter en conta as indicacións da Policía Local sobre os accesos e estacionamentos durante os días da celebración.