Preto de 20 voluntarios e voluntarias retiraron lixo da praia de Orzán

ACoruñaXa
Realizada a clasificación, reconto e peso dos residuos recolleitos, sumaron un total de 140 quilos
Limpeza-Orzán-10
11 Feb 2025

A praia urbana de Orzán quedou sensiblemente castigada tras o paso dos últimos temporais de inverno e ante iso preto de 20 persoas, fundamentalmente voluntarias da asociación Down Coruña e do Espazo +60 Afundación da cidade herculina, participaron nunha xornada de voluntariado ambiental. Dedicáronse á retirada de lixos mariños da praia.

O operativo de limpeza, repartido en grupos ao longo de toda a praia, centrou o
traballo, entre as 11 e as 13.30 horas, en localizar todo tipo de residuos, principalmente de pequeno tamaño, moi difíciles de quitar nas limpezas de praia realizadas con
maquinaria e que producen un alto impacto no medio mariño.

As voluntarias e voluntarios retiraron obxectos voluminosos como un colchón, dous palés, un pneumático ou dúas mochilas; distintas pezas de roupa e outros restos téxtiles, calzado, unha xiringa, unha maquina de afeitar ou un chupete; artigos de hixiene persoal como panos desbotables, tampóns ou bastonciños, que chegan aos areais tras ser lanzados indebidamente polo inodoro.

Tamén se retiraron durante esta acción ambiental numerosos plásticos degradados sen identificar, algúns cabos e paus de batea, restos de envoltorios ou cabichas. Así mesmo en distintos puntos do areal había numerosos restos de botellas de plástico e latas, procedentes principalmente da práctica do botellón.

Unha vez, realizados os labores de clasificación púxose fin a actividade co reconto e peso dos residuos recolleitos, sumando un total de 140 quilos. Trátase da segunda ocasión que Afundación realiza unha limpeza de lixo mariño no marco de PLANCTON na cidade de A Coruña trala realizada no mes de xuño en Riazor con motivo do Día do Medio Ambiente, retirando daquela máis de 20 quilos de refugallos plásticos.

Con actuacións como a de hoxe, a Obra Social de ABANCA procura a través do seu proxecto PLANCTON fomentar a conservación e a sostibilidade de todas as actividades socioeconómicas desenvolvidas no mar e na costa, promovendo entre todos os ámbitos da sociedade xeitos de actuar responsables que aseguren a conservación dos actuais recursos sen chegar a comprometelos para as xeracións futuras. Todo isto acorde ao seu compromiso cos obxectivos de desenvolvemento sostible, especialmente como no caso que nos ocupa, co ODS13 Acción polo clima, co ODS14 Vida submariña e co ODS17 Alianzas para lograr obxectivos, implicando na actividade a diversos colectivos do terceiro sector coma nesta xornada.

0.16482305526733