Presentan unha nova campaña para fomentar o cosumo de bonito da lonxa

O Mercado de San Agustín acolleu esta mañá a presentación dunha nova edición das Xornadas Gastronómicas 'A Coruña, que bonito!'. A iniciativa, organizada polo Concello e posta en marcha polo Goberno de Inés Rey, persegue tres obxectivos claros: poñer en valor a excepcional calidade do produto, potenciar o turismo gastronómico na cidade e apoiar o sector da restauración. Esta edición conta cun total de 28 establecementos participantes que desde hoxe, e ata o 17 de agosto, ofrecerán no seu menú unha ou varias elaboracións co bonito da Lonxa da Coruña como protagonista.
As xornadas foron presentadas nunha rolda de prensa que tivo lugar na planta baixa do Mercado de San Agustín. O acto contou coa participación do concelleiro de Turismo, Gonzalo Castro; Pablo Gallego, representante de Coruña Cociña; Sergio Castellanos, responsable de Relacións Públicas de Hijos de Rivera, e numerosos chefs que participan nesta iniciativa.
Gonzalo Castro destacou na súa intervención "o enorme potencial gastronómico da Coruña e a importancia de darlle o valor que merece" e resaltou que estas xornadas "son tamén unha marabillosa oportunidade para presumir non só de produto, senón tamén do talento dos nosos cociñeiros e cociñeiras, referentes a nivel nacional".
Esta edición conta con récord de locais participantes, cun total de 28 establecementos localizados en diferentes zonas da cidade. Como novidade, nesta edición os establecementos poderán elaborar varias propostas diferentes co bonito da Lonxa da Coruña como produto central, e contarase cun total de 37 pratos diferentes. Ademais, algúns dos establecementos inclúen a recomendación dunha maridaxe con cervexas 1906 Estrella Galicia, entidade colaboradora.
Os 28 establecementos participantes nas xornadas son: A Pulpeira de Melide, Arraigo, Cantón 23, Charlatán, Cosecha 81, Culuca, Golosía, Greca Bar, Intenso, La.Con.Fusión, La Sifonería Gastrobar, La Teresa, Mesón de Herves, Miga, Millo Orzán, Pablo Gallego Restaurante, Peculiar, Pracer, Restaurante Esencia, Restaurante La Marola - Hotel Zenit Coruña, Restaurante Morriña, Salitre, Taberna 5 Mares, Taberna da Galera, Taberna da Tabacalera, Terreo Cocina Casual, Tienda A Mundiña e Ultramarinos Galera.