Preocupación en Meicende pola aparición dun novo punto de consumo de drogas

ACoruñaXa
O PSOE esixe medidas inmediatas ante a presenza de xiringas e pide aclarar o destino do solar da rúa Touriñana, ligado ao narcotráfico
ARTEIXO consumo meicende
8 Sep 2025

O Grupo Municipal Socialista de Arteixo reclamou explicacións ao goberno local tras detectar dous problemas que volven xerar alarma na veciñanza de Meicende.

Por unha banda, os socialistas piden saber que uso se lle dará ao solar situado no número 33 da rúa Touriñana, despois da demolición dun inmoble que durante anos estivo vinculado á venda de drogas e a continuos episodios de inseguridade e insalubridade no barrio do Petón. O portavoz municipal, Martín Seco, advertiu que 'tras o importante gasto público en desafiuzamentos, realoxos, tapiados e derrubos, é imprescindible que o Concello concrete cal será o destino final deste espazo'.

Ao mesmo tempo, a formación alerta da aparición dun novo punto de consumo de drogas nas inmediacións das Eiras, concretamente nunha construción situada no pasadizo xunto ao estudo de arquitectura da Travesía de Meicende, fronte ao bar Deza. Varios veciños xa denunciaron a presenza de xiringas, o que incrementa a sensación de inseguridade.

Seco insistiu en que 'non podemos permitir que, despois do esforzo realizado pola cidadanía e do investimento público levado a cabo, Meicende continúe sufrindo a lacra da droga sen unha resposta firme e responsable do goberno local'.

⚙ Configurar cookies
0.12427997589111