Preocupación en Arteixo pola presenza de aves mortas e unha praga de pulgas no paseo fluvial

A veciñanza de Arteixo ten detectado nos últimos días a presenza de aves mortas e dunha posible praga de pulgas no paseo fluvial do río Bolaños, especialmente entre O Rañal e a contorna do campo de fútbol de Ponte dos Brozos. Algunhas persoas afirman ter sufrido numerosas picaduras e sinalan que, a pesar de ter trasladado o caso ao Concello, aínda non houbo comunicación oficial sobre o tema.
Os socialistas solicitaron que se investigue a causa da morte das aves e que se informe á cidadanía sobre os posibles riscos. Ademais, piden que se realicen tarefas de desinfección nas zonas afectadas e que se empreguen os medios institucionais para garantir unha comunicación clara coa poboación.
Polo de agora, o goberno local non emitiu ningunha declaración pública sobre este asunto. O PSOE considera necesario a coordinación coa Xunta de Galicia para avaliar se existe algún risco sanitario ou ambiental.