Prata e bronce para o Club Natación Arteixo no Nacional de 5 quilómetros en piscina de Elche

ACoruñaXa
Mateo García Castro e Paula Otero subiron ao podio absoluto e lograron a mínima para competir no Europeo de augas abertas de París 2026
ARTEIXO paula mateo natacion
3 Feb 2026

O Club Natación Arteixo volveu asinar unha fin de semana de alto nivel no Campionato de España de longa distancia en piscina, disputado en Elche, cun dobre metal na proba absoluta de 5.000 metros.

Na competición masculina, Mateo García Castro proclamouse subcampión cun rexistro de 53:16.83, só por detrás do vencedor Mario Méndez, que ademais bateu o récord estatal.

Na categoría feminina, Paula Otero completou o podio co bronce tras parar o crono en 57:09.10, nunha proba gañada por María de Valdés.

Alén das medallas, o resultado chega cun premio extra: tanto Mateo como Paula acadaron a marca mínima esixida para optar ao Europeo de augas abertas de París 2026. Nesa mesma cita nacional tamén competiu Paula Rodríguez, que finalizou en 8ª posición na categoría Junior 2.

O Europeo de París 2026 inclúe as probas de augas abertas no río Sena e xa ten datas anunciadas dentro do programa do campionato continental.

⚙ Configurar cookies
0.090045928955078