Portos de Galicia incluirá a dragaxe de Lorbé nun contrato de 3 millóns mentres o PSdeG reclama cumprir a ampliación dos pantaláns

O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, avanzou no Parlamento que a dragaxe do porto de Lorbé, en Oleiros, se incluirá no contrato por valor de 3 millóns de euros que o ente público prevé formalizar nos vindeiros meses para a realización de estudos ambientais e dragaxes no horizonte 2026-2030. Fíxoo na Comisión 8 de Pesca e Marisqueo, en resposta a unha pregunta da deputada socialista Silvia Longueira.
Álvarez explicou que, durante a tramitación do proxecto de ampliación do porto, os propios usuarios trasladaran a necesidade de gañar calado nos diferentes peiraos da dársena. A partir desa demanda, Portos contratou unha primeira inspección submariña que constatou que a perda de profundidade se debe principalmente á acumulación de cuncha de mexillón no fondo. Agora, a entidade ten previsto ampliar estes estudos técnicos a través do novo contrato, que abranguerá tamén outros portos do litoral e que figura xa nos orzamentos de 2026 con carácter plurianual.
O presidente de Portos lembrou ademais outras intervencións recentes na infraestrutura de Lorbé, como a dragaxe de rocha executada en 2022, cun investimento de 50.000 euros, e a mellora dos pantaláns realizada o pasado mes de abril a través da empresa de mantemento do ente público. Tamén citou a tramitación da obra de ampliación de abrigo, que conta cun investimento superior aos 155.000 euros na redacción do proxecto, xa finalizada.
Pola súa banda, a parlamentaria do PSdeG Silvia Longueira acusou o Goberno galego de 'abandono' do porto de Lorbé e esixiu que se cumpra o compromiso adquirido coa confraría en 2023 para ampliar o dique e instalar novos pantaláns. Segundo expuxo, dous anos despois 'non hai proxecto, nin orzamento, nin obras', a pesar da importancia desta dársena para a actividade marisqueira e o cultivo de mexillóns na zona.
Longueira advertiu de que, se se mantén esta situación, 'en pouco tempo non haberá nin embarcacións' operativas no porto e insistiu na urxencia de acometer a dragaxe prometida, dado que a acumulación de sedimentos e restos está a limitar a operatividade de parte do dique para as embarcacións profesionais. A deputada reclamou prazos concretos e dotación económica suficiente para garantir que a actuación anunciada por Portos se traduza en obras efectivas no porto de Lorbé.