Portos de Galicia encarga a Amarradores de Ferrol o dragado do porto de Miño

Portos de Galicia ten xa enriba da mesa a proposta de adxudicación do dragado do porto de Miño á empresa Amarradores del Puerto y Ría de Ferrol, única firma que presentou oferta para executar esta obra e a prevista tamén nos peiraos de Maniños–Barallobre e Pontedeume. Unha vez se formalice o contrato, os traballos arrancarán nos vindeiros meses.
O ente público sacou a licitación conxunta estas actuacións o pasado verán por un importe global de 939.000 euros. No caso concreto de Miño, o orzamento da intervención ascende a 274.652 euros e abrangue unha superficie de 7.887 metros cadrados. O proxecto prevé extraer arredor de 15.112 metros cúbicos de materiais co fin de recuperar a funcionalidade da dársena, que leva anos practicamente colmatada pola acumulación de area e lodos.
Esta situación provoca que, en cada baixamar, as embarcacións queden apoiadas no fondo e non poidan maniobrar con normalidade, o que condiciona de maneira notable a explotación do porto deportivo e xerou continuas queixas por parte de usuarios e do propio Concello de Miño. A demanda dun dragado integral vén formulándose desde hai máis dunha década.
Portos de Galicia xa iniciara en 2012 a tramitación dunha actuación máis ambiciosa, que incluía non só o dragado senón tamén a ampliación das instalacións. Daquela chegouse mesmo a adxudicar á UTE formada por Corsán Coviam Construcción e Canalizaciones uns traballos valorados en arredor de catro millóns de euros. Porén, o contrato acabou anulado ao concluírse que a obra podería causar prexuízos significativos nos bancos marisqueiros da ría, o que obrigou tamén a indemnizar á adxudicataria cunha contía próxima aos 217.000 euros.
Co novo proxecto, Portos opta agora por unha intervención centrada exclusivamente na retirada de sedimentos para mellorar as condicións de navegabilidade e garantir o uso normal do porto de Miño en todas as mareas.