Portos de Galicia dará luz verde ao Plan Especial dos portos de Sada-Fontán

O Consello Reitor de Portos de Galicia aprobará no mes de xuño o informe favorable ao Plan Especial dos portos de Sada-Fontán, un paso clave para a súa aprobación definitiva por parte do Concello de Sada. Así llo comunicou o presidente do ente público, José Antonio Álvarez, ao alcalde de Sada durante unha reunión de traballo.
Segundo explicou Álvarez, o organismo portuario ten xa finalizada a tramitación do documento dentro da súa competencia autonómica. Agora, elevará ao Consello Reitor este informe favorable, que é preceptivo e vinculante, para a súa ratificación. Unha vez aprobado, será remitido ao Concello, que deberá someter o plan a aprobación definitiva no pleno municipal.
O documento incorpora as modificacións derivadas tanto dos informes sectoriais recibidos ao longo da tramitación como das alegacións formuladas á proposta inicial. Unha vez integradas todas estas consideracións, Portos de Galicia considera que o texto está listo para a súa aprobación final.
O Plan Especial supón unha ferramenta fundamental para a ordenación urbanística dos portos de Sada-Fontán. Nel defínense as condicións das concesións, as ordenanzas aplicables ás parcelas e os límites dos volumes edificables. Ademais, serve para concretar os usos do solo recollidos na Delimitación de Espazos e Usos Portuarios, avanzando cara a unha planificación máis clara e eficaz das actividades no ámbito portuario.
Este avance representa un paso importante para o futuro desenvolvemento urbanístico e económico do porto sadense, cuxo planeamento quedará definido tras a aprobación definitiva por parte da administración local.