Portas Ártabras visibiliza a figura de Federico Tapia, o primeiro alcalde republicano da Coruña

O xoves 24 de abril, ás 20.00 horas, terá lugar na sala Portas Ártabras a presentación do libro "Federico Tapia Segade (1825 - 1891): primeiro alcalde republicano da Coruña". Este acto contará coa presenza dos seus autores, Ana Romero Masiá e Carlos Pereira Martínez, quen compartirán cos asistentes os detalles desta obra que se adentra na vida e a figura dun dos personaxes máis relevantes da historia da cidade.
A través da biografía de Federico Tapia Segade, o libro recolle unha das etapas máis brillantes e transformadoras da Coruña no século XIX. A obra sitúa á cidade nun contexto histórico de profundos cambios, marcados pola revolución de 1868, o Sexenio Democrático, a I República e, finalmente, a Restauración. Un período no que a cidade viviu un importante crecemento urbanístico, económico e sociocultural, coa chegada do ferrocarril, a expansión industrial e a creación de novos bancos. Ao mesmo tempo, tamén se experimentou unha gran efervescencia política e ideolóxica, co nacemento de numerosas sociedades, liceos, ateneos e loxas masónicas, así como o xurdimento de preto de 170 xornais de todas as tendencias.
Federico Tapia Segade, nacido en 1825 e falecido en 1891, non só foi testemuña deste proceso histórico, senón tamén protagonista. Como primeiro alcalde republicano da Coruña, Tapia xogou un papel crucial neste contexto de transformación e renovación. A súa figura aparece como un reflexo do dinamismo político, cultural e social dunha cidade que, á marxe das convulsas circunstancias políticas do momento, se modernizaba e se preparaba para afrontar os desafíos do futuro.
A presentación do libro ofrecerá aos asistentes a oportunidade de coñecer mellor a vida e a obra deste importante político e intelectual da cidade, ademais de subliñar a súa relevancia como figura clave na historia do movemento republicano en Galicia.