Portas Ártabras acolle unha charla sobre a fuga de 800 presos do penal franquista de Pamplona en 1938

O espazo cultural Portas Ártabras, situado na rúa Sinagoga 22 da Coruña, acollerá este mércores 26 de novembro ás 20.00 horas unha charla–coloquio centrada na tráxica historia da maior fuga carceraria de Europa: a evasión de 800 presos republicanos do penal franquista de Pamplona en 1938. A sesión estará conducida polo investigador Fermín Ezkieta e está organizada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.
O relatorio afondará na espectacular fuga acontecida o 22 de maio de 1938 no forte de San Cristobo, no monte Ezkaba, preto de Pamplona. A magnitude da operación, na que participaron case 200 galegos, apenas tivo repercusión na prensa española durante décadas, mentres que medios internacionais como o New York Times lle dedicaron maior atención. A traxedia rematou con 206 presos mortos nos montes durante a persecución e outros 14 fusilados en Pamplona en agosto dese mesmo ano.
A actividade será de acceso libre ata completar aforo e pretende contribuír á divulgación e á memoria das vítimas da represión franquista, recuperando un episodio histórico de grande relevancia e aínda pouco coñecido.