Portas Ártabras acolle a presentación dun estudo sobre a guerrilla nos montes de Casaio

O vindeiro mércores 19 de marzo, ás 20.00 horas, Portas Ártabras será o escenario da conferencia-presentación do libro 'Ciudad de la Selva: Historia e arqueoloxía da guerrilla nos montes de Casaio'. No acto participarán Francisco Alonso Toucido, arqueólogo de Tempos Arqueólogos SL e investigador da Universidade de Vigo, e Paco Macías, editor da obra en Edicións Positivas.
Este proxecto de investigación naceu en 2017 coa intención de comprender e documentar a chamada "Ciudad de la Selva", un conxunto de campamentos guerrilleiros utilizados entre 1937 e 1951. O traballo realizado permitiu identificar un total de 18 campamentos e preto de 60 estruturas vinculadas coa actividade da guerrilla antifranquista. Ademais, as escavacións realizadas en 11 destas estruturas proporcionaron un dos conxuntos máis relevantes de materiais arqueolóxicos ligados a unha guerrilla en toda Europa, e posiblemente no mundo.
A charla abordará tanto os aspectos históricos como arqueolóxicos desta investigación, ofrecendo unha visión profunda sobre a resistencia nos montes de Casaio. A entrada será libre ata completar aforo.