Portas Ártabras acolle a presentación da antoloxía poética de Margarita Ledo Andión

O venres 14 de marzo ás 20.00 horas, Portas Ártabras acollerá a presentación de 'Prefiro condenarme', a antoloxía poética de Margarita Ledo Andión editada por Chan da Pólvora. No acto participarán a propia autora, Eva Veiga —responsable da introdución do volume— e Antón Lopo, director da editorial.
En 'Prefiro condenarme', Margarita Ledo Andión percorre as arestas da súa poética nunha obra que leva o mesmo título que o seu último documental e que inclúe pezas inéditas, entre elas os seus poemas dedicados a Monforte de Lemos. A autora publicou o seu primeiro poemario, 'Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto', con tan só 19 anos na editorial Xistral, fundada por Manuel María e Saleta Goi. Agora, 55 anos despois, revisita a súa traxectoria literaria nesta antoloxía publicada na colección Cova da Lontra de Chan da Pólvora.
A obra propón unha viaxe a través da historia da súa poesía, ofrecendo unha visión profunda e plural que nos descobre os ángulos menos visibles do poema.