'Portas Ártabras' abre o calendario do Entroido cunha conferencia de Felipe-Senén


A sede cultural de Amigos dos Museos de Galicia en A Coruña, 'Portas Ártabras' (rúa Sinagoga, 22 baixo), acolle este xoves 22 de xaneiro, ás 20.00 horas, a conferencia 'Introdución ao Entroido en Galicia', a cargo do arqueólogo e historiador Felipe-Senén López Gómez. A entrada será de balde ata completar aforamento.
A charla propón un percorrido polo almanaque festivo e polas múltiples maneiras de vivir o Entroido no país, desde as rivalidades entre parroquias e a competencia de máscaras ata a importancia da música, os cantos e o traballo artesanal na elaboración de traxes e caretas. O relatorio tamén afonda na herdanza tradicional e nas influencias que, segundo o conferenciante, van desde achegas prehistóricas e celtas ata pegadas romanas e medievais, xunto coas incorporacións actuais e creativas que cada xeración vai sumando.
No repaso aparecerán figuras e personaxes moi recoñecibles do ciclo entroidesco, como chocalleiros (ou choqueiros), peliqueiros, cigarróns, pantallas, boteiros, volantes, felos, xenerais, madamas e galáns, ademais doutras representacións de carácter animal ou demoníaco (como o oso ou a morena) e dos ídolos que presiden a festa, entre eles Urco, Meco, Momo ou Ravachol.