Portas abertas para descubrir por dentro a nova escola infantil de Xarío

A nova escola infantil de Xarío abrirá as súas portas ao público o vindeiro xoves 5 de marzo nunha xornada pensada para que as familias coñezan de primeira man este novo recurso educativo. A visita desenvolverase entre as 18.00 e as 19.30 horas e permitirá percorrer os espazos do centro e recibir información sobre o funcionamento e os servizos previstos para o próximo curso.
O Concello de Miño explica que o obxectivo é facilitar que as persoas interesadas poidan ver as instalacións, familiarizarse cos recursos dispoñibles e achegarse ao proxecto da escola municipal, resolvendo as dúbidas que poidan xurdir antes do inicio da actividade.
A xornada é aberta e está dirixida a todas as persoas que queiran coñecer este novo servizo educativo. A convocatoria terá lugar en Apeadoiro, s/n, en Xarío.