Portas abertas na EEI de Coirós para coñecer unha escola no rural con todos os servizos

A Escola de Educación Infantil de Coirós abre unha nova etapa de visitas para as familias que estean a buscar centro para o vindeiro curso. A EEI de Coirós celebra as súas Portas Abertas 2026 do 23 de febreiro ao 18 de marzo, de luns a venres en horario de 12.15 a 13.00 horas, cunha invitación clara: entrar, preguntar e ver por dentro como é o día a día na escola, próxima e asentada no rural.
O centro destaca pola súa organización con aulas mixtas para crianzas de 3, 4 e 5 anos e por contar con servizos que facilitan a conciliación, como comedor escolar con cociña propia e transporte escolar gratuíto ata a porta da casa. A proposta complétase con apertura anticipada gratuíta, actividades en familia coa ANPA, achegas de colaboradoras e expertos, proxectos compartidos con centros educativos da contorna e sesións sobre igualdade apoiadas polo Concello.
As persoas interesadas poden achegarse nas datas indicadas ou contactar para máis información no 639 70 98 95 e no correo eei.coiros@edu.xunta.gal.