Pontón reclama en Coirós unha moratoria indefinida do eucalipto e sinala Xilonor como modelo de monte multifuncional

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu desde o concello de Coirós a necesidade de aprobar unha moratoria indefinida para novas plantacións de eucalipto co obxectivo de avanzar cara a un monte ordenado, multifuncional e en mosaico que protexa a biodiversidade. Fronte a isto, cargou contra a denominada 'moratoria fake' do Goberno do PP, que ao seu xuízo non representa un modelo de futuro para o monte galego nin desde o punto de vista da rendibilidade nin polas súas consecuencias ambientais.
Pontón realizou estas declaracións durante unha visita ás instalacións de Xilonor, empresa situada en Coirós especializada na produción de madeira contralaminada destinada á construción. Da compañía destacou o seu carácter innovador, a aposta pola transformación de piñeiro producido en Galiza e a introdución de novos produtos no mercado, elementos que, dixo, exemplifican 'a dirección cara a onde debe orientarse a industria' no País.
'Xilonor amosa o camiño que ten que seguir Galiza: fixar poboación no rural, aproveitar a innovación e o deseño e desenvolver un tecido industrial no que acreditamos desde o BNG', afirmou a líder nacionalista, que agradeceu á dirección da empresa a posibilidade de coñecer de primeira man o proxecto.
Pontón insistiu en que o Bloque aposta por unha industria baseada na ciencia, na investigación e na innovación, que peche ciclos produtivos e xere máis valor engadido a partir de materias primas galegas, facéndoo ademais desde parámetros de sustentabilidade. Lembrou que Galiza é 'unha potencia forestal' e subliñou que o debate sobre o modelo de monte é clave para o futuro económico e ambiental do País nun contexto de cambio climático no que este sector debe ser, ao seu ver, un 'vector fundamental' de desenvolvemento.
Para a dirixente nacionalista, as decisións que se adopten hoxe marcarán o modelo forestal das próximas décadas. Por iso considera imprescindible un 'xiro de 180 graos' na política forestal vixente e apostar por un monte máis sustentable, cunha maior xestión silvícola, máis diversificación e unha produción orientada á calidade, capaz de xerar máis valor engadido a través de novas transformacións industriais da madeira.
Como primeira medida dese cambio de rumbo, Pontón propuxo esa moratoria indefinida do eucalipto, que permitiría avanzar cara a un monte multifuncional e en mosaico, con deseños que prioricen as madeiras de calidade e posibiliten segundas transformacións. En contraposición, advertiu de que o modelo que impulsa o Goberno do PP 'non é o que necesita o monte galego, nin por rendibilidade nin polas consecuencias medioambientais que pode ter'.
Nese contexto, a portavoz do BNG puxo o foco na transformación da madeira e no seu uso na construción como piares estratéxicos para Galiza, tanto pola creación de emprego de calidade como pola mellora da rendibilidade e da conservación dos montes.
Pontón avanzou que o Bloque presentará no Parlamento unha batería de iniciativas para impulsar a construción industrializada con madeira de calidade producida e transformada no País. A primeira proposta pasa por incrementar o uso de madeira nas construcións públicas, de maneira que o Instituto Galego de Vivenda e Solo poida marcar como obxectivo que, nas novas edificacións e nas rehabilitacións promovidas desde o sector público, polo menos o 20% da construción se realice en madeira.
En segundo lugar, defenderá a incorporación de cláusulas de sustentabilidade e de redución da pegada de carbono tanto na obra nova como na rehabilitación públicas, favorecendo o uso de madeira de proximidade. Finalmente, o BNG proporá o deseño dun plan de innovación, no que participen as universidades e o Colexio de Arquitectos de Galiza, para divulgar as vantaxes do uso da madeira e mellorar a formación das e dos profesionais do sector.
Conxuntamente, estas medidas pretenden aproveitar o potencial da cadea monte-industria para dar ese 'xiro de 180 graos' á política forestal que, segundo Pontón, precisa Galiza, apostando pola silvicultura, polas madeiras de calidade e por un modelo sustentable que aumente a rendibilidade e a creación de emprego. 'Hai capacidade para facelo, pero ten que existir unha vontade clara por parte do Goberno de camiñar nunha dirección diferente á actual', concluíu.