Pontón pide 500.000 euros nos Orzamentos para reforzar os Centros de Orientación Familiar de A Coruña

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou que o Bloque presentará unha emenda aos Orzamentos da Xunta para incluír unha partida de 500.000 euros destinada a dotar de medios e persoal os Centros de Orientación Familiar (COF) de Orillamar e do Ventorrillo na Coruña.
Pontón explicou que estes centros “desenvolven un traballo fundamental na atención á saúde sexual e reprodutiva das mulleres” e tamén na prevención, como na detección da violencia de xénero. Por iso, subliñou que “os COF o que necesitan é apoio, reforzar máis a súa capacidade para facer o seu traballo porque o que nos están dicindo todas as estatísticas é que se están incrementando as enfermidades de transmisión sexual”.
A portavoz nacionalista criticou os recortes do Goberno do PP, que “leva anos desmantelando estes servizos” e especialmente na Coruña, onde os recursos “non son suficientes para poder atender toda a demanda que ten”. Pontón denunciou que os centros non dispoñen nin de atención telefónica, polo que as usuarias teñen que desprazarse para solicitar cita.
“Son circunstancias que non podemos aceptar, que non son normais e que no fondo o que están delatando é que hai un interese en desmantelar este tipo de centros e que hai un deterioro na calidade que ten que ter a prestación de servizos públicos”, resumiu.
Pontón destacou que o investimento que propón o BNG “é para garantir un servizo básico para mellorar a calidade de vida das mulleres e para atender a unha parte moi importante da súa saúde”.
Ademais, a líder nacionalista criticou que o PP “di coa boca grande que quere defender a igualdade das mulleres, pero logo, cos feitos, o que nos está demostrando é que nos leva cara atrás, recortando servizos que inciden directamente na nosa saúde”.
A situación, segundo Pontón, non é exclusiva da Coruña, senón que afecta toda Galiza, onde o Executivo de Alfonso Rueda “está retrocedendo nos servizos e na atención ás mulleres”.
Finalmente, a portavoz do BNG vinculou esta denuncia coa situación xeral da sanidade pública galega, que segundo ela está “moi deteriorada”, con “listas de espera de até un mes na Atención Primaria” e máis de “11.000 nenos e nenas sen pediatra”. Pontón fixo fincapé na manifestación convocada para esta tarde en Vigo para defender a sanidade pública, “unha das maiores conquistas para garantir que somos iguais ante a enfermidade”.