Pontón esixe un plan de choque para a primaria e novas especialidades nos centros de saúde

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou na Coruña as propostas da formación en materia sanitaria e cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao que acusou de permanecer 'ausente' e 'desaparecido' mentres as urxencias e a atención primaria atravesan unha situación límite. A dirixente nacionalista situou o foco no colapso das urxencias e na saturación dos centros de saúde, e asegurou que existen alternativas 'se hai vontade política'.
Pontón fixo estas declaracións diante do servizo de urxencias do CHUAC, onde mantivo unha reunión con representantes sindicais de CIG-Saúde para analizar o estado da asistencia sanitaria na cidade e na súa área. Alí defendeu un primeiro bloque de medidas centrado na mellora das condicións laborais e no reforzo dos cadros de persoal, tanto nas urxencias como no conxunto do sistema. Segundo advertiu, as plantillas levan tempo 'infradimensionadas' e nunha precariedade que atribuíu directamente ao Goberno do PP.
A segunda liña de actuación, explicou, pasa por rescatar a atención primaria do colapso mediante un plan de choque co que recuperar os 1.650 millóns de euros que, segundo o BNG, se deixaron sen investir durante os 16 anos de gobernos populares. Neste punto lembrou que Galiza é, despois de Madrid, o territorio con menor investimento en primaria, unha realidade que, ao seu xuízo, alimenta a falta de profesionais, empurra parte do persoal a marchar e deriva en esperas dunha ou dúas semanas para conseguir cita, ás veces incluso superiores ás tres.
Para a líder nacionalista, esta demora provoca que moitos pacientes non reciban a atención que precisan a tempo e acaben acudindo ás urxencias cando as doenzas se agravan. 'Está fallando a base do sistema, que ten que ser a atención primaria', resumiu. Por iso, o BNG propón elevar o peso da primaria ata o 25% do orzamento do Sergas (sen contar o gasto farmacéutico) e cubrir todas as prazas vacantes.
Pontón tamén reclamou incorporar novas especialidades aos centros de saúde, empezando pola psicoloxía clínica, ao considerar que arredor do 30% das consultas en medicina de familia están relacionadas con problemas psicolóxicos. A súa implantación, apuntou, permitiría reducir presión asistencial e mellorar a resposta nos centros de saúde.
No plano político, a portavoz nacional volveu preguntar 'onde está Rueda' e reprochoulle que se negue a comparecer no próximo pleno do Parlamento, como solicitou o BNG. Ademais, advertiu de que non se trata só de 'incompetencia', senón tamén de 'ideoloxía', ao considerar que o Executivo do PP deteriora o público para beneficiar a sanidade privada.
Nesa mesma liña, asegurou que nos últimos cinco anos o gasto das familias en sanidade privada aumentou un 266% e criticou o incremento dos concertos, que cifrou en 16 millóns de euros máis este ano. Pontón puxo como exemplo o caso de Ribera Salud, propietario do hospital Povisa de Vigo, para denunciar que determinadas empresas buscan aumentar beneficios 'a costa da saúde da xente'. Concluíu que é 'máis importante que nunca' defender a sanidade pública fronte a un Goberno do PP que, ao seu xuízo, se converteu 'nun perigo' para a saúde da poboación galega.