Pontón acusa a Rueda de "fraude publicitaria" coas vivendas de alugueiro social en Xuxán

GaliciaXa | ACoruñaXa
A líder nacionalista urxe ao Executivo do PP a garantir que esas vivendas "sexan o que realmente anunciou"
ponton-xuxan
19 May 2025

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a aclarar "a fraude" das 244 vivendas no barrio coruñés de Xuxán, promovidas en solo cedido polo Goberno galego e anunciadas como de alugueiro social. A líder nacionalista urxe ao Executivo do PP a garantir que esas vivendas “sexan o que realmente anunciou, alugueiro social”, co obxectivo de asegurar ás persoas con menos recursos “algo tan básico e tan importante como é o dereito á vivenda”.

Nunha rolda de prensa, Pontón criticou duramente a “propaganda” da Xunta e denunciou que os alugueiros sociais anunciados hai un ano “pasaron a ser vivendas con rendas de 975 euros ao mes”. “O señor Rueda debe ter a síndrome do coche oficial porque só desde unha total desconexión da realidade se pode pensar que pagar 1.000 euros ao mes por un alugueiro é alugueiro social”, recriminou.

Pontón instou a Rueda a “dar a cara e dar explicacións”, especialmente ante o feito de que “hoxe haxa na Coruña miles de persoas que se senten estafadas e enganadas por parte dun Goberno do Partido Popular que anunciou 244 vivendas de alugueiro social que resultaron ser pura propaganda”.

A portavoz do BNG lembrou que inicialmente unhas 6.000 persoas amosaron interese por estas vivendas, pero que “a inmensa maioría botouse atrás” ao coñecer as condicións reais. “É obvio que algo se está facendo mal cando se anuncian miles de vivendas como vivendas de alugueiro social e as persoas que máis as necesitan non poden acceder a elas e quedan excluídas”, sinalou.

Ademais, Pontón pediu explicacións sobre o control da Xunta neste tipo de operacións urbanísticas: “Rueda debe explicar cales son os controis da Xunta para garantir que o modelo de cesión de solo público a promotores privados funcione e non remata prexudicando ás persoas e ás familias que esperan unha vivenda protexida”.

Recordou que as 244 vivendas foron anunciadas pola Xunta en marzo de 2024, dentro dun plan máis amplo de 1.600 vivendas en Xuxán, en colaboración coa promotora Galivivienda. O Goberno galego cedeu catro parcelas públicas e concedeu unha subvención de 10,8 millóns de euros. As vivendas foron presentadas “a bombo e prato” como alugueiro social a 50 anos, cun prezo estimado de 4,85 euros o metro cadrado, arredor de 475 euros mensuais por un piso de 80 m² con garaxe e trasteiro.

Porén, a realidade dista moito desas promesas, segundo Pontón: “A día de hoxe non se puxo nin un só ladrillo, os supostos alugueiros sociais pasaron a ser rendas de 1.000 euros ao mes, a promotora anuncia cambios nas condicións de uso e vemos acusacións cruzadas entre diferentes administracións”.

A nacionalista acusa a Rueda de “poñerse de perfil e tirar balóns fóra”, ao tempo que lle reprocha favorecer “a especulación por riba do dereito á vivenda”. “Tras 16 anos dinamitando a política social de vivenda, agora fai anuncios fraudulentos e enganosos”, denunciou. “Así é como entende o señor Rueda a política social de vivenda e isto é intolerable”, concluíu.

Críticas á postura do PP sobre Eurovisión e Palestina

Nun segundo punto da súa intervención, Ana Pontón cargou contra o Partido Popular pola súa actitude en relación á crise humanitaria en Palestina durante o festival de Eurovisión. “É deplorable e inmoral ver a dirixentes do Partido Popular como a señora Ayuso dicindo que condenar o xenocidio do pobo Palestino e o Estado criminal de Israel é un numerito”, afirmou con contundencia.

Pontón censurou tamén o silencio de Alberto Núñez Feijóo, a quen acusou de “permanecer calado mirando para outro lado”, e de Alfonso Rueda, “incapaz de dicir algo tan simple como que condenar o masacre dun pobo non é ningún numerito, senón a mínima expresión da decencia moral e política”.

“Aínda por riba, estamos ante o Partido Popular máis ultra de todos os tempos”, advertiu, para engadir que “lonxe de condenar un xenocidio, o que fai é alentar precisamente o Estado criminal de Israel”. Fronte a isto, a líder do BNG subliñou o compromiso do seu partido “co lado da defensa dos dereitos humanos, da humanidade e do pobo palestino, que ten dereito a vivir en paz na súa terra”.

 

⚙ Configurar cookies
0.074799776077271