Poetas Di(n)versos trae á Coruña voces de tres continentes no último trimestre

ACoruñaXa
Cada sesión contará con folletos que inclúen poemas e biografías das persoas convidadas
poetas-corunha
19 Apr 2025

O ciclo Poetas Di(n)versos regresa con forza esta primavera para pechar a súa 16ª edición cunha programación marcada pola diversidade lingüística e cultural. O Auditorio do Centro Sociocultural Ágora volverá ser o epicentro da poesía internacional na Coruña grazas a tres novas sesións —os días 21 de abril, 19 de maio e 23 de xuño— que achegarán ao público voces de América, Asia e África xunto a autoras e autores galegos.

A iniciativa, promovida polo Concello da Coruña e dirixida pola poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía en 2023, consolídase como un espazo único no Estado pola súa continuidade, calidade e aposta pola diversidade. As lecturas terán lugar un luns ao mes ás 20.00 horas, con entrada libre ata completar aforo e emisión por streaming para seguir a programación desde calquera lugar.

A primeira cita, este luns 21 de abril, reunirá ao recoñecido poeta mexicano Alberto Blanco e ao galego Xosé Luís Mosquera Camba (Guísamo), dous nomes vinculados tamén ao mundo das artes plásticas. A poesía mestúrase así co debuxo e a cor nun diálogo entre culturas e sensibilidades.

O 19 de maio será a quenda para a delicadeza lingüística coa participación do escritor indio Subhro Bandopadhyay, referente na poesía en bengalí e tamén tradutor, e Natalia Alonso (Foz), cunha obra intimista en lingua galega que conecta emoción e natureza.

Por último, o 23 de xuño, o ciclo pecharase cunha sesión que dará protagonismo ás voces máis novas. David Odiase, nixeriano asentado en España e activo no spoken word, compartirase escenario con Lúa Mosquetera (Miño), cunha poesía que alterna a tenrura coa denuncia social, rompendo estereotipos e abrindo camiños.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou que o goberno de Inés Rey segue apostando por unha cultura de calidade e accesible para toda a cidadanía: “Poetas Di(n)versos permite encher os espazos municipais de actividade, e achega á Coruña o mellor da poesía nacional e internacional”.

Como é habitual, cada sesión contará con folletos coleccionables que inclúen poemas e biografías das persoas convidadas, para que o público poida levar un anaco da experiencia a casa.

 

⚙ Configurar cookies
0.1632239818573