Poetas Di(n)versos retoma a súa programación con Ondjaki e Séchu Sende

Este luns 31 de marzo, celebrarase a segunda sesión do ano do ciclo Poetas Di(n)versos, dirixido pola Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño. Logo da suspensión por motivos de saúde dun dos participantes na sesión de febreiro, mañá, ás 20.00 horas, o auditorio do Centro Sociocultural Ágora acollerá un recital co escritor angolano Ondjaki e o padronés Séchu Sende. A entrada será libre ata completar capacidade e o evento poderá seguirse en directo a través da canle de YouTube de Poetas Di(n)versos.
“Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apoiando unha iniciativa xenuína e única a nivel galego que permite á cidadanía coñecer e gozar ao vivo de grandes nomes da poesía, tanto do país como internacionais”, declarou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Dous poetas, dúas visións do mundo
Ondjaki (Luanda, 1977), doutorado en Estudos Africanos, destaca pola súa versatilidade como narrador, poeta e guionista. Membro da União dos Escritores Angolanos, a súa extensa obra literaria inclúe cinco novelas, catro coleccións de contos, seis poemarios e seis libros infantís. Como poeta debutou en 2000 con Actu Sangíneu. Recibiu prestixiosos premios internacionais como o Sagrada Esperança (2004), o José Saramago (2013) e o Littérature-Monde (2016) polo seu libro Os Transparentes. A súa obra está traducida a diversos idiomas e, en 2023, a Universidade de Évora outorgoulle o Premio Vergílio Ferreira polo conxunto da súa traxectoria.
Pola súa banda, Séchu Sende (Padrón, 1972) é filólogo, docente, activista e regueifeiro, ademais de creador de poesía oral, escrita e audiovisual. A súa narrativa, centrada en temas como o ecoloxismo, a lingua, a identidade e a memoria, inclúbe obras como Made in Galiza ou A República das Palavras. Tamén publicou o ensaio O povo improvisador, ademais dos poemarios Odiseas, Os cavalos estám a viver as nossas vidas e Animais. Utiliza a poesía en redes sociais, publicidade social, pedagoxía e música, e participa activamente no movemento da Nova Regueifa.
Poetas Di(n)versos reafírmase como un espazo esencial para a divulgación da poesía en Galicia, brindando ao público a oportunidade de descubrir voces de distintos horizontes culturais.