Pocomaco celebra a súa primeira feira multisectorial e de emprego no CIE MANS

A Asociación de Empresarios de Pocomaco organizará o venres 7 de novembro, no CIE MANS, a súa primeira feira multisectorial e de emprego, unha xornada de balde que se desenvolverá de 9.30 a 18.00 grazas a unha subvención do Concello da Coruña. O evento contará con 20 stands de empresas e entidades.
A cita pretende impulsar a promoción empresarial do polígono e facilitar acordos comerciais e novos contactos entre profesionais e compañías. Ao tempo, funcionará como punto de encontro laboral, reunindo responsables de contratación con persoas que buscan un emprego ou melloras na súa traxectoria profesional.
Pocomaco, que xera arredor de 5.000 empregos directos e 2.000 indirectos, consolídase como motor económico e de emprego con demanda en diversos sectores. A feira pecharase ás 18.00 cun viño de honra de agradecemento a institucións, empresas e colaboradoras, no marco do acto oficial de clausura.