Pilar Pallarés e Eva Veiga presentan este xoves na Coruña a súa antoloxía de Luísa Villalta
Este xoves 29 de febreiro, ás 20.00 horas, terá lugar no espazo dos Amigos dos Museos de Galicia en Portas Ártabras (Cidade Vella) a presentación da antoloxía poética 'Así vou eu, forma parte,' de Luísa Villalta que realizaron Eva Veiga e Pilar Pallarés editado por Chan Da Pólvora.
A escritora, Luísa Villalta é a homenaxeada este 2024 no Días das Letras Galegas. Poucas figuras da literatura galega contemporánea gozan dunha admiración semellante á da escritora, unha poeta de sensibilidade apaixoada que nos deixou unha traxectoria marcada pola busca da verdade.
'Así vou eu, forma parte' non é só unha antoloxía que percorre a obra de Luísa Villalta para amosar as súas vertentes máis intensas, senón tamén un cofre que contén inesperados tesouros. Durante meses –antes incluso de acordar a RAG dedicarlle a Villalta o Día das Letras Galegas– Pallarés e Veiga adentráronse no complexo mundo simbólico da autorta para amosalo no seu manto esplendente, por momentos sobrecolledor pero sempre fiel aos principios éticos que defendía.
No libro inclúese, ademais da escolma, textos das antólogas onde analizan, de maneira singularizada, os poemarios de Villalta ou despexan nun marco teórico a súa pulsión creadora. Da propia Villalta aparecen tamén pezas documentais que axudan a comprender as raíces da súa obra.