Peter Punk aterrará en Sada cun Nadal ‘gamberro’ para toda a familia

A Concellería de Cultura de Sada suma unha proposta diferente á programación destas festas coa chegada de Peter Punk, o pallaso máis punk e irreverente, que presentará na Casa da Cultura o espectáculo ‘Un Nadal chungo que te cagas’. A cita será o luns 22 de decembro ás 18.30 horas e o acceso será de balde ata completar a capacidade do auditorio.
A función propón unha visión moi pouco convencional do Nadal, cunha mestura de humor absurdo, moita improvisación e situacións inesperadas nas que non faltarán (entre outras ocorrencias) arbores do revés e luces ‘rebeldes’. Un formato pensado para facer rir tanto a crianzas como a persoas adultas, convertendo a tarde nun plan familiar marcado pola comedia e o disparate.
O espectáculo forma parte das actividades municipais do Nadal en Sada, nunha xornada na que tamén está previsto o inicio do Tren do Nadal polas rúas da vila.