Persoas voluntarias de Betanzos organizan unha tenda solidaria a favor da Cruz Vermella

Betanzos acollerá esta semana unha iniciativa solidaria promovida por Afundación e un grupo de 12 persoas voluntarias de entre 52 e 77 anos, que durante todo o ano elaboran pezas artesás mediante a técnica do amigurumi. O traballo realizado nos obradoiros exporase e venderase nunha tenda solidaria instalada diante do Espazo +60, na praza dos Hermanos García Naveira. A recadación íntegra destinarase á agrupación local da Cruz Vermella.
A tenda permanecerá aberta desde este mércores 10 ata o venres 12 de decembro, en horario de 10.00 a 13.00 horas e de 17.00 a 19.30 horas. Entre os artigos dispoñibles haberá bonecos, chaveiros, pequenas bolsas e outras creacións feitas a man polas persoas participantes ao longo deste 2025.
Estas persoas voluntarias reúnense cada martes para aprender e perfeccionar, da man dunha monitora colaboradora, as técnicas do croché e do ganchillo asociadas ao amigurumi, unha tradición de orixe xaponesa que permite crear figuras téxtiles en tres dimensións.
Os obradoiros forman parte dun programa orientado a fomentar o envellecemento activo e ofrecer novas oportunidades de participación social ás persoas maiores, poñendo en valor a súa experiencia e talento.
Ademais do mercado de Betanzos, outras localidades galegas celebrarán iniciativas solidarias similares ao longo do mes de decembro, impulsadas por grupos de voluntariado que elaboran produtos artesáns para apoiar causas sociais.