Persoal do Concello de Cambre concéntrase para revindicar "un trato digno"

O persoal funcionario do Concello de Cambre volveu a concentrarse diante da Casa Consistorial para manifestar o descontento coas actuais condicións laborais e esixir accións concretas. Xa fixeran unha primeira concentración en febreiro e agardan seguir cunhas reivindicacións semanais, que contan co apoio dos sindicatos CIG, CCOO, UGT e CSIF.
"Vivimos un conflito colectivo por unha situación que levamos anos sufrindo en silencio.Isto xa é insostible, por iso tivemos que tomar estas medidas debido a que, entre outras cousas, a saúde mental dos traballadores está sendo afectada", afirma Carmen Nieto, representante do persoal do Concello de Cambre e delegada do sindicato de UGT no Concello de Cambre.
Traslada que a institución neste momento está gobernada "por unhas persoas que xeran enormes conflitos en diversos ámbitos, tanto con traballadores, como coa oposición". Considera que eses conflitos están afectando tanto a persoal, cidadanía como a todo o que xestiona a institución. Neste sentido realiza unha comparación: "Vivimos neste momento nun concello feudal onde as persoas que o están dirixindo o que queren son vasallos e xeran moitísimos conflitos no canto de chegar acordos ou valorar".
O persoal continúa concentrándose semanalmente e Carmen Nieto valora positivamente as sensacións desta última cita: "A xente está moi unida e participativa porque está farta. Os asuntos que, consideramos, teñen que dar solución, entendemos que son completamente de xustiza e de sentido común. Son lóxicos e que son de dereito". Para rematar inciden en que seguen pedindo que se lles escoite e valore porque "somos as mans que, fan que os servizos públicos que ofrecen, funcionen". Reivindica: "Pedimos que se nos trate dignamente, nin máis nin menos, un trato digno, por iso estamos aquí e por iso imos seguir".
O CONCELLO DE CAMBRE
No pasado pleno do Concello de Cambre, un dos puntos que saíu rexeitado pola maioría absoluta do pleno (PP, PSOE e BNG) foi a modificación da Relación de Postos de Traballo. A medida promovida polo goberno buscaba reforzar as áreas de Secretaría, Intervención e Cultura, Deportes e Xuventude con tres novos técnicos superiores A1. Unha iniciativa que, tal e como defendeu a rexedora, "suporía alixeirar a enorme carga de traballo que sofren, na actualidade, estes departamentos".
Pan Lesta incidiu en que Cambre perdeu hoxe "unha oportunidade única para contar con máis persoal capaz de realizar tarefas de xestión, estudo e propostas de carácter administrativo de nivel superior". Con respecto á aprobación dunha nova RPT, a alcaldesa lembrou que, no seu momento, a proposta non puido levarse a pleno por contar cos informes en contra das habilitadas nacionais de Secretaría, Intervención e do xefe da área de Urbanismo e Persoal.
Con todo, mostrou a súa disposición de volver elevar a iniciativa a pleno para a súa aprobación: "Eu comprométome a traer a RPT a pleno pero se este punto vén cos informes en contra, que van votar? Van pensar no mellor para os veciños e veciñas? Van ter a suficiente valentía política para sacar adiante a proposta?", preguntou durante a sesión.
O Concello de Cambre abordou a cuestión no pleno e non realizou ningunha valoracións sobre as concentracións do persoal.