Pedro Blanco preside na Coruña o acto institucional do 47º aniversario da Constitución Española

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, presidiu na Coruña o acto institucional do 47º aniversario da Constitución Española, que forma parte da celebración dos 50 anos de España en liberdade. Durante o evento, Blanco chamou á responsabilidade colectiva para protexer os “moitos dereitos conseguidos” desde a aprobación da Constitución e advertiu que “nin son inmutables nin son suficientes”.
“No nos podemos relaxar, non nos podemos confiar. Nada está garantido, sempre hai quen está interesado no retroceso, en dar marcha atrás”, sinalou o delegado no Museo Nacional de Ciencia y Tecnología-Muncyt.
Blanco puxo en valor o cambio extraordinario que a Constitución impulsou hai 50 anos grazas ao compromiso cívico da Transición. Destacou dereitos como o voto, o matrimonio civil, a educación universal ou a igualdade efectiva entre homes e mulleres, pero tamén advertiu que “requiren sumar novos dereitos en paralelo á evolución da sociedade”.
“Formo parte dun Goberno que non se conforma co acadado, que escoita e responde ás demandas, que traballa para asegurar os dereitos conseguidos e para apuntalar novos dereitos”, afirmou Blanco, engadindo que o Executivo busca dar resposta a unha sociedade que “nos empurra cara adiante”.
Un dos puntos centrais da súa intervención foi a necesidade de facer “pedagoxía constitucional” coa mocidade, pois son eles os que deben “seguir construíndo a España constitucional e democrática que arrancou hai 50 anos”. “Se a mocidade non sabe o que é a ditadura non poden desprezala, non poden valorar a democracia e os dereitos dos que desfrutan agora”, declarou.
No acto, participaron catro persoas que ofreceron as súas reflexións sobre a Constitución desde diferentes perspectivas: a construción da autonomía galega e a entrada na Unión Europea, a educación pública, os dereitos e deberes da mocidade, e os avances nos dereitos das persoas LGTBI. Entre elas estaban Elena Vázquez Cendón, Domingo González, Carla Olmedo e Guillermina Domínguez, quen foi a primeira muller en casar civilmente con outra muller en Galicia hai 20 anos.
Esta conmemoración forma parte dos actos dos “50 anos de España en liberdade”, promovidos pola Delegación do Goberno en Galicia e o Comisionado para esta celebración. Ao evento asistiron tamén os subdelegados do Goberno na Coruña, Ourense e Pontevedra, a subdelegada en Lugo, así como representantes dos corpos de seguridade, das forzas armadas, da xudicatura, institucións culturais, sindicatos, deputacións e concellos.