Pedro Blanco destaca o polígono de Agrela como exemplo do modelo de éxito da industria en Galicia

ACoruñaXa
O delegado do Goberno felicitou á Asociación de Empresarios de Agrela e animounos a seguir avanzando cara ao futuro “sen deixar de ser sinónimo de calidade”
entrega-distintivos-agrela
13 May 2025

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, exemplificou hoxe no polígono de Agrela, na Coruña, o modelo de éxito da industria en Galicia, “capaz de xerar riqueza e benestar”. Fíxoo no acto da renovación da Marca de Calidade da Asociación de Empresarios de Agrela, no que participaron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o vicepresidente da Asociación, Joan Vidal Amiel, entre outras autoridades.

Pedro Blanco destacou o investimento de máis de 2.000 millóns de euros do Goberno no tecido produtivo de Galicia para dinamizar a súa modernización e reindustrialización, poñendo en valor a importancia das achegas económicas do Goberno para apuntalar o liderado das empresas galegas na modernidade e a vangarda españolas.

O delegado destacou a folla de ruta común do Goberno e das empresas galegas para seguir avanzando neste cometido e salientou a necesidade da colaboración público-privada, “clave para o noso futuro como sociedade”. Nese sentido, apelou á capacidade conxunta dos entes públicos e privados para “xerar unha industria que produza, pero que tamén amplíe dereitos, construíndo unha Galicia máis forte e de progreso”. Non so no eido social se detivo Pedro Blanco, tamén no puramente económico, facendo fincapé no obxectivo común de producir riqueza e emprego para Galicia e para os galegos e galegas.

O delegado felicitou e animou ao empresariado de Agrela a seguir traballando nestes cometidos e salientou a súa aposta pola calidade, “que leva sendo un motor de desenvolvemento económico para A Coruña desde hai cincuenta anos, afianzándose como todo un exemplo para o tecido produtivo galego e mellorando o día a día de 14.000 familias da área metropolitana coruñesa a través do emprego”.

Agrela, ‘Polígono Empresarial de Calidade’

En novembro de 2017 o Parque Empresarial de Agrela recibía o distintivo ‘Polígono Empresarial de Calidade’, o primeiro e único estándar de calidade definido no ámbito europeo que outorga a Coordinadora Española de Polígonos Empresariais (CEPE), en alianza con AENOR. Este recoñecemento significa para o polígono cumprir cunha serie de estándares que certifican a calidade das áreas de actividade económica como espazos de valor e de xeración de riqueza para o territorio.

Deste xeito, o parque empresarial coruñés pasou a ser o terceiro polígono de España en lograr esta certificación de calidade e o primeiro en Galicia, tamén o único ata o momento. Este recoñecemento foi logro do traballo constante da Asociación de Empresarios de Agrela en colaboración coas Administracións públicas, que se traduciu nunha mellora da calidade do entorno das empresas do parque e tamén dos veciños e veciñas da zona.

⚙ Configurar cookies
0.15756797790527