Paula Prado presenta en Culleredo a Izaskun García como alternativa do PP á Alcaldía

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, visitou este xoves o concello de Culleredo para escenificar o apoio do partido á nova presidenta local dos populares, Izaskun García, á que presentou como a alternativa do PP para disputar a Alcaldía nas próximas eleccións municipais.
Durante a visita, Prado puxo en valor o liderado de García á fronte da formación local e destacou o papel das mulleres dentro do Partido Popular. A dirixente popular asegurou que o seu partido aposta por “mulleres líderes e valentes”, situando á presidenta do PP de Culleredo como unha candidata preparada para encabezar un proxecto político de cambio no municipio.
A xornada incluíu a visita a varios proxectos emprendedores da localidade, entre eles a escola infantil Piratas de la ría, dirixida por dúas mulleres, e as instalacións da construtora Grupo Liñagar. Segundo explicou o PP, o percorrido buscou visibilizar iniciativas empresariais impulsadas desde o ámbito local e destacar a importancia de apoiar o emprendemento.
No plano político municipal, Prado criticou a situación do goberno local, liderado polo PSOE, ao que acusou de provocar “perda de oportunidades” para o concello. Na súa intervención tamén cuestionou o papel do BNG, ao considerar que a súa abstención facilita a continuidade do actual executivo.
Pola súa banda, Izaskun García puxo o foco en cuestións como a necesidade de aprobar un Plan Xeral de Ordenación Municipal que permita afrontar os problemas de acceso á vivenda, atraer novas empresas e favorecer a creación de emprego en Culleredo. A líder popular defendeu que o municipio necesita “proxecto, planificación e ambición” para impulsar o seu desenvolvemento.
Durante o acto, Paula Prado tamén se referiu á manifestación convocada pola plataforma ‘Queremos Galego’, á que o PP vincula co BNG. A dirixente popular criticou o que considera unha utilización política da lingua e defendeu unha defensa do galego afastada da confrontación.