Paula Otero e Mateo García volven levar o CN Arteixo á elite internacional

ACoruñaXa
Os dous nadadores competirán esta fin de semana en Soma Bay, en Exipto, coa selección española na primeira etapa da Copa do Mundo de augas abertas
ARTEIXO club natacion
26 Mar 2026

O Club Natación Arteixo volverá ter presenza no máis alto nivel internacional esta fin de semana coa participación de Paula Otero e Mateo García na primeira parada da Copa do Mundo de augas abertas, que se celebra os días 27 e 28 de marzo en Soma Bay, en Exipto. Ambos os dous forman parte da convocatoria do equipo nacional absoluto para esta cita, organizada por World Aquatics.

A representación arteixá terá así un peso destacado dentro da expedición española, integrada por catro nadadoras e dous nadadores. Segundo a convocatoria oficial, Paula Otero e Mateo García competirán na proba de 10 quilómetros e tamén están incluídos no equipo de remudas mixtas de 4x1500 metros previsto para a segunda xornada.

A cita exipcia abre o calendario da Copa do Mundo de 2026, un circuíto que continuará nas próximas semanas con probas en Eivisa, Golfo Aranci e Setúbal. Para o club arteixán, a presenza dos seus dous deportistas nesta primeira etapa supón un novo recoñecemento ao traballo realizado nas últimas tempadas e á continuidade do seu papel nas convocatorias internacionais de augas abertas.

0.1229100227356