Paula Otero e Mateo García, do Club Natación Arteixo, competirán na Copa do Mundo de Augas Abertas
O Club Natación Arteixo terá representación na prestixiosa Copa do Mundo de Augas Abertas con dous dos seus deportistas máis destacados, Paula Otero e Mateo García, convocados para competir co Equipo Nacional. A proba celebrarase este venres en Neom, Arabia Saudita, nunha competición que reúne aos mellores nadadores desta disciplina.
Otero e García disputarán a esixente carreira de 10 quilómetros, un reto que marcará o inicio dunha tempada clave para eles. O obxectivo principal desta campaña é gañar experiencia e loitar por un lugar nos equipos que representarán a España nas grandes competicións internacionais de 2025.
Esta participación supón un recoñecemento ao traballo e esforzo destes deportistas e do Club Natación Arteixo, que continúa a consolidarse como un referente na natación galega e nacional.