Patrimonio autoriza o ensanche da DP0810 en Villa Julia (Bergondo) e a Deputación comprométese a iniciar as obras canto antes

A Deputación da Coruña recibiu o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta para ocupar os terreos da finca Villa Julia e proceder ao ensanche da estrada provincial DP0810 no tramo de San Paio (Guísamo). O anuncio fíxoo esta mañá o presidente provincial, Valentín González Formoso, durante unha visita ao punto afectado na que tamén participaron a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, e a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e na que veciños e veciñas puideron coñecer de primeira man o desbloqueo administrativo que permitirá avanzar na intervención.
Formoso comprometeuse a iniciar as obras “no menor prazo posible” e subliñou que a prioridade é protexer a vida das persoas: “Por enriba da vida humana non hai nada”, afirmou, puntualizando que a actuación executarase de maneira respectuosa co patrimonio e coa menor afectación posible para o propietario. A Deputación, segundo explicou, dará agora prioridade á redacción do proxecto executivo, á tramitación das expropiacións necesarias e á licitación das obras para poder saír adiante coa intervención cantan máis axilmente.
A alcaldesa recordou que a reclamación da veciñanza vén de lonxe: “Isto empezou hai máis de 20 anos”, afirmou Alejandra Pérez, quen criticou as paralizacións que atribuíu a intereses particulares e expresou a esperanza de que esta vez a actuación sexa definitiva. Entre as persoas asistentes tamén se escoitaron mostras de alivio e, á vez, de prudencia: Carlos Rilo, un dos veciños que participou na reunión, valorou a noticia con reticencias —“despois de 20 anos loitando… estamos con certas reticencias, pero esperamos que sexa verdade”— e pediu que prevaleza o ben común sobre intereses particulares.
O tramo afectado, entre os puntos quilométricos 4+250 e 4+440, presenta unha plataforma moi estreita, radios de curva reducidos, visibilidade limitada e ausencia de itinerario peonil, a pesar de tratarse dunha zona con numerosas vivendas e intenso tráfico, inclusive de vehículos pesados. A Deputación cualifica a actuación como urxente e prioritaria: o proxecto previsto contempla o ensanche da calzada e a construción dunha senda peonil que mellore a seguridade viaria dunha contorna na que en anos anteriores se rexistraron múltiples incidentes, entre eles un accidente mortal dun ciclista.
Ademais do ensanche, a institución provincial anunciou que analizará alternativas para mellorar a seguridade no estreito túnel que discorre por debaixo da AP-9, uns metros máis arriba do punto negro, co obxectivo de abordar de forma integral os riscos deste treito. Con todo, a Deputación admite que o calendario exacto dependerá da tramitación administrativa, das expropiacións e dos prazos de contratación, polo que se comprometeu a actuar con “máxima dilixencia” para acadar o inicio das obras canto antes.