PATA PATA 2026 regresa a EXPOCoruña o 18 e 19 de abril con máis programación e espazo expositivo

EXPOCoruña acollerá os días 18 e 19 de abril PATA PATA 2026, a segunda edición do evento dedicado aos animais de compañía e ao turismo pet-friendly. A presentación celebrouse con Andrés Fernández, director de EXPOCoruña, acompañado da cadeliña Maya; Xosé Aldea, de Ouvirmos e as representantes de Tiendanimal Oleiros, Carlota García e Claudia Caramelo.
Tras unha estrea que superou as expectativas, con máis de 10.000 visitantes, 80 expositores e 30 actividades, a organización anuncia unha edición 'máis grande e máis participativa', con áreas expositivas ampliadas, novidades de sector e programación formativa e de lecer para público familiar. O proxecto conta co apoio da Deputación da Coruña a través da campaña 'A paisaxe que sabe' e co patrocinio de Tiendanimal e do Hospital Veterinario Abeiro.
Xa está aberta a convocatoria para expositores dirixida a empresas e profesionais vencellados ao benestar animal e ao turismo pet-friendly. A inscrición tramítase a través da web oficial do evento.