'Papers Hub, unha innovadora ferramenta, creada na Facultade de Turismo da UDC

O docente da Área de Organización de Empresas da Universidade da Coruña, Jakson Renner Rodrigues Soares, investigador principal do Grupo de Investigación en Experiencia Turística da Facultade de Turismo da UDC, coordinou a creación do 'Papers Hub', un buscador innovador desenvolvido para facilitar o acceso a oportunidades de chamadas para artigos académicos. A través do uso de tecnoloxías avanzadas de indexación, automatización e intelixencia artificial, Papers Hub ofrece unha experiencia áxil e personalizada aos seus usuarios.
“O obxectivo do Papers Hub é conectar a persoal investigador, académico e institucións co coñecemento máis relevante e as oportunidades axeitadas, optimizando o tempo de busca e contribuíndo ao avance das comunidades científicas e académicas”, explica Jakson Renner Rodrigues, coordinador do proxecto.
Cun sistema intelixente de recomendación e filtros avanzados, Papers Hub permite atopar exactamente o que a persoa usuaria está a buscar: oportunidades de publicacións académicas específicas onde presentar os seus traballos. “Cremos que o futuro da investigación comeza con ferramentas máis eficientes e accesibles, e estamos aquí para facer realidade esta visión”, destacaba o investigador da UDC.
Nesta primeira fase, o Papers Hub realiza a busca en editoras de prestixio e está dispoñible en catro idiomas (galego, castelán, inglés e portugués). O buscador identifica se a revista está indexada en JCR ou en Scopus e devolve a información máis relevante dunha maneira áxil.
O Grupo de Investigación en Experiencia Turística (Exper.Turs) da Universidade da Coruña destaca polo seu liderado en investigación e innovación no sector do turismo, sendo un referente internacional. O equipo multidisciplinar combina coñecemento académico e experiencia práctica en proxectos de alto impacto, co enfoque innovador que os posiciona como socios estratéxicos de empresas e investigadores de diferentes partes do mundo.