Papeques volve a Carral con seis propostas culturais para achegar música, cine, teatro e lecturas á cativada

O Concello de Carral volve apostar pola programación cultural para a infancia coa posta en marcha dunha nova edición de 'Papeques', o ciclo que achega a nenos e nenas a música, o teatro, o cine e a lectura. As actividades iniciaranse este sábado 29 de novembro e prolongaranse ata o 18 de decembro, con seis propostas dirixidas a distintos tramos de idade.
A primeira cita será este sábado 29 de novembro, ás 18.00 horas, no Edificio Social Toñito Espiñeira, coa actuación de Pakolas e o seu espectáculo 'A Ramona pequena vai á lúa' (para maiores de 2 anos). A través dunha máquina do tempo, a protagonista regresa á súa infancia, cando era unha nena en constante movemento, chea de inquedanzas e cunha imaxinación desbordante.
O programa continuará o xoves 4 de decembro, ás 18.00 horas, coa proxección do filme 'Una familia de superhéroes' na Casa da Cultura (para maiores de 4 anos). A historia segue a Hedvig, unha rapaza algo preguiceira, pouco deportista e fan dos videoxogos, cuxa vida cambia por completo cando se abre a posibilidade de herdar o papel de superheroína da cidade. Cando o seu pai decide que será o curmán Adrián quen asuma o traxe, Hedvig decátase de que ten que reaccionar.
O venres 5 de decembro, ás 18.00 horas, será a quenda de Teatro dos Gazafelhos, que levará 'Monstros no Camiño' ao local Xente Nova de Tabeaio (para maiores de 6 anos). A obra narra a aventura de tres investigadores procedentes de Europa do leste que percorren o Camiño de Santiago coa intención de desmontar mitos sobre seres e fenómenos locais. Durante a función, compartirán nun simposio os resultados desa viaxe entre o fantástico e o humorístico.
A seguinte parada de Papeques será 'Kyoki', da compañía Elefante Elegante, cunha función escolar o xoves 11 de decembro, ás 12.00 horas, tamén no Xente Nova de Tabeaio. Trátase dun espectáculo sen palabras que aborda temas como o esquecemento, a vellez e a soidade, pensado para traballar as emocións a través da expresión corporal e visual.
O venres 12 de decembro, ás 18.00 horas, Pérez & Fernández presentarán 'Nanai da China' no local Xente Nova de Tabeaio (para maiores de 5 anos). A peza conta a historia de Nanai, unha nena nacida nunha noite sen lúa que é rexeitada pola veciñanza por superstición. A obra afonda na exclusión, nos prexuízos e na capacidade de superalos.
O programa pecharase o xoves 18 de decembro, ás 18.00 horas, na biblioteca da Casa da Cultura, cun contacontos de Trinketrinke Teatro baixo o título 'Familias diversas' (para nenos e nenas de entre 4 e 8 anos). Os Ratos de Lonxetodo regresan á biblioteca municipal para descubrir coa cativada que non todas as familias son iguais, pero que todas poden ser o mellor lugar no que medrar.
Papeques está organizado pola Concellería de Cultura de Carral en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña e co programa Dinamiz-ARTj do Instituto para a Transición Xusta, a través da Fundación Ciudad da Enerxía CIUDEN, reforzando así a aposta do municipio por unha programación estable dirixida ao público infantil e ás súas familias.