'Papeques Escena' abre un novo ciclo familiar en Carral con teatro, música, danza e monicreques

ACoruñaXa
A proposta celebrarase durante catro venres consecutivos no Local Xente Nova de Tabeaio, sempre ás 18.00 h. e con entrada de balde até completar aforo
CARRAL papeques
21 Feb 2026

Carral incorpora ao seu calendario cultural unha nova liña de programación dirixida á infancia coa posta en marcha de 'Papeques Escena', unha serie de espectáculos pensada para achegar os nenos e nenas ás artes escénicas en formato ao vivo. O ciclo desenvolverase no Local Xente Nova de Tabeaio ao longo de catro venres consecutivos, entre finais de febreiro e o mes de marzo, con funcións ás 18.00 h.

A primeira cita será o 27 de febreiro con 'Canta miña pedra, canta', unha proposta que mestura teatro, música e narración oral da man de Charo Pita e Xoán Curiel, recomendada para público maior de 5 anos. O 6 de marzo chegará 'Comenoites', de Os Náufragos Teatro, unha peza de teatro e monicreques para maiores de 2 anos. A programación continuará o 13 de marzo con 'Güela güela', de Chisco Casteleiro (Galitoons), orientada a idades de 1 a 6 anos, e pechará o 20 de marzo con 'O arcón de Noa', de Amarelo Cía., unha proposta de danza para maiores de 3 anos.

Esta primeira edición é posible grazas ao programa Dinamiz-ARTj do Instituto para a Transición Xusta, a través da Fundación Ciudad de la Energía (CIUDEN), que achega tres dos catro espectáculos. A iniciativa busca reforzar a oferta cultural en concellos de zonas de transición xusta e ampliar a programación con propostas artísticas variadas.

Dende a organización lembran que a entrada é de balde en todas as funcións, con localidades limitadas.

0.088158845901489