Papá Noel percorrerá as parroquias de Ordes este 24 de decembro desde as 10.00 horas

O Nadal en Ordes contará este mércores 24 de decembro cunha das citas máis agardadas pola rapazada: a visita de Papá Noel polas parroquias, cun percorrido que arrincará ás 10.00 horas e irá facendo paradas sucesivas por distintos núcleos do municipio.
Segundo o itinerario previsto, Papá Noel comezará en Parada ás 10.00 horas (explanada da igrexa) e continuará por Lesta ás 10.15 (local social), Mercurín ás 10.30 (local social) e Leira ás 10.45 (campo da festa). A partir de aí, a ruta seguirá en Ardemil ás 11.00 (explanada do restaurante Avelino) e en Buscás ás 11.15 (local social).
O percorrido proseguirá en Vilamaior ás 11.30 (igrexa) e en Barbeiros ás 11.45 (campo da festa). Xa ao mediodía, Papá Noel visitará Poulo ás 12.00 (local social), Pereira ás 12.15 (local social), Beán ás 12.30 (campo da festa) e Montaos ás 12.45 (campo da festa).
Ademais deste roteiro polas parroquias, a programación inclúe tamén a presenza de Papá Noel nunha caseta situada no Parque da Constitución, onde estará de 11.00 a 13.00 horas, para que as familias poidan achegarse e participar na xornada.