Palexco será o escenario da XVIII Feira Matemática organizada por AGAPEMA

ACoruñaXa
A xornada busca achegar as matemáticas á sociedade dun xeito entretido e práctico
matematicas
21 Mar 2025

Palexco será, o sábado 22 de marzo, o escenario dunha nova edición da Feira Matemática, un evento organizado pola Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA) coa colaboración da Universidade da Coruña e o apoio do Concello da Coruña.

Nesta decimo oitava edición, que leva por lema "A maxia das matemáticas", estudantes de diferentes centros educativos da provincia serán protagonistas da xornada, que busca achegar as matemáticas á sociedade dun xeito entretido e práctico. A feira abrirá as súas portas ás 11.00 horas e está dirixida a alumnado de infantil, primaria, secundaria, bacharelato, FP e ao público en xeral.

Ao longo do día, instalaranse unha trintena de postos atendidos por estudantes, que presentarán proxectos, xogos e experiencias matemáticas desenvolvidas nas aulas baixo a coordinación do profesorado. Ademais, haberá obradoiros, concursos e actividades participativas para todas as idades.

A Feira Matemática celébrase con motivo do Día Escolar das Matemáticas, promovendo a aprendizaxe colaborativa e a implicación das familias no proceso educativo. A entrada será libre e espérase unha gran afluencia de visitantes ao longo do día.

⚙ Configurar cookies
0.11585211753845